miércoles, 23 de diciembre de 2009

MANOLIÑO NUMBER ONE

Manoliño Number One foi un neno tirano, un mozo insoportable, un adulto molesto coma gran no cú e un vello ruín. A súa filosofía e ética eran sinxelas: “primeiro Eu, despois Eu e pra rematar tamén Eu”. Encantáballe xogar ao eueu, que é o nome do ioió en neocastrapo metaenxebrista desintegracionista deconstructivista light, lingua pantasma que só falaba Manoliño Number One consigo mesmo, mentalmente para que ninguén o escoitase e poidera roubarlle os seus sagrados segredos, e creada por él nunha noite de éxtase solipsista e de unión místico-contemplativa co seu ultradivino embigo.

O seu fogar era un labirinto infindo habitado tamén por unha Minovaquiña de compaña con pedigrí, de nome Gallarda. Ao Minotauro mandouno ós Sanfermíns, pois era moi perigoso, non lle rendía adoración como a él lle gustaba, era moito menos transenxebre que a Gallarda e ainda por riba a leite que daba non era merengada…¡tolón, tolón!. O Fio de Ariadna hai tempo que o comeran os ratos e os restos do finado do Teseo xacen nun moderno e funcional cadaleito de deseño Ikea, acolchado, con alarma, móbil 3G, TV, DVD blueray, TDT, PC, Mac, portátil, ADSL, Wi-Fi, GPS, WC, modem, pendrive, bluetooth, ipod, playstation, lovedoll e outras caralladas “por si ascaso” te enterran a medio morrer, ¡leve o demo!, que non te aburras.

Este alucinantóxeno labirinfindo buraco-vermoide estaba construido con espello “enjuapizante” parlante supermáxico, superpelota, supercotilla e superdivino da morte. Todo él era un ilimitado espello intermultidimensional ondulante permeable e guay.

-Espelliño, espelliño, ¿quén “son” o máis “juapiño” deste Universiño e dos infindos universiños seudoparaleliños como canóns de escopetiñas de feira?.
-¡Es Tí, Suprafaro oculto omnireflectinte que nos guía cara a onde só Tí sabes!.
-¡Louvado sexa Eu!. Eu Meu que estou no Ceo, ¡santificado sexa o Meu nome!.
-¡¡¡Aaaaaaaaaaaaaaaammmmmmmmméééééééééééééééénnnnnnnnnnnnnnnn!!!.

No hay comentarios:

Publicar un comentario